Sunday 12 de May de 2024

A Xunta difunde entre a mocidade o valor patrimonial e cultural do Encaixe de Camariñas co apoio dun campo de voluntariado


Mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos participan nesta actividade, que é unha das novidades da Campaña de Verán deste ano
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde en Camariñas ao grupo de mozas e mozos que participan no campo de voluntariado que se está a desenvolver neste municipio coruñés. Esta é a primeira vez que a Campaña de Verán da Xunta de Galicia oferta esta iniciativa de temática medioambiental e cultural.
Esta actividade comezou o pasado día 20 e prolongarase ata o vindeiro venres, día 31. As mozas e mozos participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30, colaboran na planificación, difusión, ambientación, organización e posta en marcha dun festexo patrimonial como é o do ‘Encaixe no Camiño’. O campo tamén xira entorno á conservación, coa realización de tarefas de coidado, sinalización e limpeza dos roteiros e zonas de lecer da zona.
Ademais, os participantes tamén desfrutan dun amplo programa de actividades de ocio complementarias, que inclúe kaiak e mergullo de superficie, obradoiro de pesca artesá e obradoiro de palillos, co fin de que teñan un primeiro achegamento á técnica do famoso encaixe de Camariñas.
A Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.
En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.